Neste estudo tratamos a importancia dos mitos grecorromanos (e tamén dos mitos bíblicos) na poesía de Carvalho Calero. O mito sérvelle non só como simple adorno estético ou culturalista, senón como medio de reflexión, nunha poesía filosófica e existencial de transfundo cristián. Algúns poemas de Salterio de Fingoy tratan a Orfeo, Dionisos, Xoán o Bautista e Salomé. Analízase o poema “Abisag”, publicado xa en 1931; un dos primeiros exemplos da recepción da poesía de Rilke no ámbito ibérico. Analízase tamén o poema sobre Catulo “Onde eu escrevo Lésbia, lé ti Clódia”, en que se dá unha reflexión metaliteraria sobre a voz lírica e a figura (e a realidade) da amada poética; un exemplo interesantísimo de recepción da tradición clásica nun poeta moderno. Os últimos poemas analizados son os dedicados á figura de Fénix e Aquiles, que parten dun profundo coñecemento por parte de Carvalho da Ilíada de Homero, en concreto da situación do Libro 9 deste poema épico. A situación de Aquiles nese episodio ten curiosas semellanzas coa situación biográfica de Carvalho con respecto aos seus antigos amigos e compañeiros do grupo Galaxia. En todo caso, Carvalho é un mestre do xogo hipertextual na súa poesía.